Ademais de ser unha actividade moi agradable e entretida pode afectar de forma positiva a quen a practica. Contámosche cales son os principais beneficios da xardinería, cando os coñezas quererás poñerte mans á obra!
Segundo estudos, o contacto físico con plantas pode ter efectos beneficiosos, incluso curativos. Ese impacto positivo é maior cando se practica ao aire libre. Isto é así porque ao recibir a luz do sol aumentan os niveis de vitamina D, que intervén en diferentes procesos do sistema inmunolóxico e axuda a absorber o calcio, entre outras funcións.
Aínda que o estrés ten unha función positiva de supervivencia– pois nos axuda a reaccionar fronte as adversidades– se se produce de forma moi frecuente pode ser prexudicial para a saúde. Por iso, buscar formas de reducir o estrés é prioritario cando esta situación alóngase no tempo.
É o teu caso? Temos boas noticias! Pasar media hora ao día realizando tarefas de xardinería ou de cultivo reduce os niveis de cortisol, a hormona encargada de regular o estrés.
A xardinería e o coidado de cultivos é unha actividade que implica movemento físico aeróbico. Se se practica de forma diaria ou varias veces á semana, é ideal para manterse en forma. Ademais do exercicio cardiovascular, tamén se traballa a coordinación cando se realizan tarefas minuciosas como plantar sementes e a forza ao repetir determinados movementos. Súper completo!
Estar en contacto co mundo vexetal e contar cun pequeno horto ou árbores froiteiras pode ser moi beneficioso para a alimentación. Por unha banda, coidar deles farache valorar moito máis este tipo de alimentos e aumentar o seu consumo, o que ten un impacto directo para a saúde. Por outro, permitirá que a túa alimentación sexa máis sostible, porque unha parte desta provirá do cultivo propio.
Contar cun proxecto propio como é o coidado do xardín e observar día a día o resultado do noso traballo, aumenta a satisfacción propia e a autoestima. Cun pouco de dedicación e constancia o teu xardín ou horto converterase nun lugar precioso do que te sentirás moi orgullosa/o. Próbao!
A xardinería tamén pode axudarche a ser moito máis optimista e positiva/o. Así o demostraron varios estudos, nos que se comprobou que as persoas con depresión que dedican varias horas semanais a esta actividade melloran moito con respecto ás que non. De feito, existen terapias hortícolas que teñen o obxectivo de mellorar a saúde mental.
A xardinería tamén favorece a capacidade de concentración e de aprendizaxe. A propia actividade en si supón unha posta en marcha de diferentes procesos moi positivos para manter activo o cerebro. Todo isto tradúcese en beneficios para a memoria.
Outra das consecuencias de reducir os niveis de estrés e aumentar a actividade física, é que o descanso nocturno mellora. Por unha banda, porque a actividade xeraranos unha sensación reconfortante ao final do día e, por outro, porque estaremos máis cansos fisicamente e será máis fácil conciliar o soño.
Que che parecen todos estes beneficios que che ofrece a xardinería? Seguro que xa estás a desexar empezar a poñela en práctica para velos reflectidos na túa vida.